1.200 persoas xa están inscritas nas actividades do programa municipal da Laracha para o curso 25/26

  • Ximnasia de mantemento, con 228 anotados, é a que contará con maior participación.

A falta dunha semana para o inicio das primeiras actividades da programación municipal para o curso 2025-2026 xa hai preto de 1.200 persoas anotadas.

As cifras de inscritos auguran un novo éxito do que é o programa cultural e deportivo do Concello con maior oferta de disciplinas -cun total de trinta e tres-, máis participación cidadá e que abrangue un maior período de tempo, xa que hai actividades desde o 14 de outubro e ata finais do mes de maio.

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, ximnasia de mantemento é a actividade que presenta un maior número de inscritos con 228 no momento actual. Isto é posible por tratarse dunha actividade dirixida a todos os públicos -especialmente para o colectivo das persoas maiores- e porque o Concello a oferta nas trece parroquias para facilitar a asistencia dos residentes no rural.

Outras das propostas para o público adulto que maior interese espertaron son a principal novidade na oferta deste ano, adestramento funcional, con 67 anotados, ademais de pilates (75), zumbea (68), labores de tecido (51), ioga (50), bailes latinos (42), macramé (33) e encaixe de palillos (30).

No caso das actividades infantís e xuvenís, as de maior aceptación son zumbea kids (76), manualidades e debuxo (43), patinaxe (38), fútbol sala (36), ximnasia rítmica (34) e robótica e gaming (29).

A inscrición permanece aberta en todas as actividades nas que aínda quedan prazas dispoñibles

A cota de inscrición xeral é de 30 euros por toda a duración da actividade, reducíndose á metade (15 euros) no caso de que a persoa inscrita sexa menor de 18 ou maior de 65 anos. As familias numerosas e aquelas nas que todos os membros se atopen en situación de desemprego desfrutarán dun 50 % (non acumulable) de redución na cota. As inscricións poden formalizarse presencialmente na Casa da Cultura (pagamento con tarxeta bancaria) ou en liña na web https://actividades.alaracha.gal/.

Related posts

Varios desaparecidos e tres feridos ao esborrallarse parte da estrutura dun edificio en obras no centro de Madrid

Investigan un posible atropelo mortal en Cee | Dúas persoas feridas noutro atropelo en Culleredo

O Fórum Carballo ofrece novas accións formativas en soldadura, instalacións electrotécnicas e telecomunicacións