Baixo o nome O verán que necesitas, a Xunta, pon á disposición da mocidade 1.809 prazas en diferentes actividades e campamentos de verán na provincia da Coruña. A proposta de actividades, que comezarán na segunda quincena de xullo e se prolongarán ata comezos do mes de setembro, inclúe campamentos de verán, campos de voluntariado e como novidade minicampamentos de cinco días, de luns a venres, en establecementos turísticos. O prazo de solicitude abriuse o pasado martes e terá unha duración de sete días hábiles.
Entre as novidades deste ano está o incremento da variedade das actividades con campamentos de cociña no Centro Superior de Hostalería de Galicia e realizaranse actividades novas en Aldea do Couto (Ponteceso), Albergue de Mazaricos, Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol e no Albergue Alvarella.
Así mesmo, un ano máis poderán participar todas as mozas e mozos de Galicia con independencia das súas capacidades ou necesidades especiais. Neste sentido, lembrou que existe unha convocatoria específica para as persoas con discapacidade de entre 11 e 40 anos dotada este ano con 132 prazas. Na provincia da Coruña ofértanse prazas no Albergue Xuvenil de Gandarío.