10.000 análises anuais garanten a venda e o consumo seguro de mexillón galego

1 minutes read

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou este xoves a importancia do labor do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) no seguimento da extracción de mexillón en Galicia. Nesta liña sinalou que o centro dependente da Consellería do Mar realiza 10.000 analíticas anuais de biotoxinas que permiten a venda e o consumo de arredor de 250.000 toneladas de mexillón con todas as garantías hixiénico-sanitarias.

O Intecmar realiza preto de 2.000 informes previos á extracción e máis de 300 resolucións anuais de prohibición ou autorización de extracción de moluscos nas zonas de produción, a maioría delas relacionadas co control das biotoxinas.

Nesta liña lembrou que a existencia das especies de fitoplancto tóxico é un fenómeno natural, xa que ten a súa orixe na riqueza fitoplanctónica das augas e repítese na maior parte das zonas de produción de moluscos bivalvos do planeta.

Este labor de control garante a seguridade alimentaria dos moluscos como o mexillón e evita que estes episodios paralicen a produción galega coa división das zonas de produción en subzonas de menor tamaño e un elevado número de puntos de seguimento.