10 deportistas da AD.Fogar ao Nacional de Dúatlon de Alcobendas


A localidade de Alcobendas acollerá esta fin de semana do 24 e 25 de abril, o Campionato de España de Dúatlon nos formatos de contrarreloxo por equipos (sábado) e remudas (domingo); probas puntuables para a Liga Nacional Talento na que os da AD.Fogar de Carballo e Oleiros militan na 2ª división masculina e feminina entre os 30 mellores equipos do panorama nacional nas categorías cadete e xuvenil. O evento adaptaráse ás circunstancias sanitarias na contorna do Parque de Andalucía e o interior do recinto ferial da localidade madrileña o que permitirá aos deportistas e o persoal gozar dun marco totalmente seguro. Neste marco de medidas extraordinarias motivadas pola pandemia da covid19, a totalidade dos deportistas cos técnicos Daniel Polo e Román Rey á fronte, pasarán un crivado de antíxenos previo ao seu desprazamento e estancia en Alcobendas a cargo do clube. Desta volta desprazarán a 10 deportistas, dos que 5 pertencen ao equipo feminino e outros 5 ao masculino.