O obxectivo desta intervención é a mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria na estrada AC-214, coa construción dunha senda no treito comprendido entre os puntos quilométricos 8,5 e 9,2, desde a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550, dentro dos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo.
O novo itinerario, duns 720 metros de lonxitude, contará con pavimento de formigón e unha sección variable adaptada á configuración da estrada, que conta con edificacións nas súas marxes. En calquera caso, garántese a accesibilidade mediante unha sección mínima de 1,80 metros, máis 20 centímetros de bordo transitable de separación da calzada.
Ademais, ampliarase a calzada a entre os puntos quilométricos 8,8 e 9,2, xa que a actual sección é insuficiente, e conseguiranse dous carrís de 3 metros e beiravías de 0,5 metros. Nas zonas nas que sexa posible acondicionarase banda de aparcadoiro.
A intervención complétase coa execución da necesaria drenaxe, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas e acondicionamento de dúas das paradas de bus.