- O persoal, formado por 8 mulleres e 2 homes, dividirase en dous equipos: un de obras públicas e outro de limpeza e mantemento.
Despois de pasar os recoñecementos médicos, realizar o curso de prevención de riscos laborais, tomar as medidas para os uniformes e recibir unha formación básica, as 10 persoas que integran a brigada de traballadores perceptores da Risga empezarán a traballar o luns nas tarefas que teñen encomendadas para os nove meses de duración dos contratos.
O grupo, formado por 8 mulleres e 2 homes, estará dividido en dous equipos: un de obras públicas e outro de limpeza e mantemento. Este venres mantiveron unha primeira toma de contacto no Fórum Carballo co encargado do servizo e xefe da Brigada Municipal de Obras, Manuel Mariño, e con representantes do goberno municipal.
O concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, animou a todo o persoal a aproveitar a oportunidade para prepararse para unha posible inserción laboral. Nese sentido, de feito, o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, destacou que o bo traballo realizado polos integrantes da anterior brigada da Risga podería abrirlles en breve as portas dalgunha empresa. O alcalde, Evencio Ferrero, felicitounos pola selección e pediulles «responsabilidade e a maior profesionalidade posible».