100 millóns de inversión da SEPI en Navantia

1 minutes read

O alcalde socialista de Ferrol, Ángel Mato, anunciou este venres a construción dun novo taller nas instalacións de Navantia que servirá para mellorar a competitividade da factoría con vistas á construción das fragatas F-110. Trátase da primeira das obras do proceso de modernización do estaleiro.

As instalacións de Navantia en Ferrol precisan dun proceso de modernización necesario para asegurar a competitividade da empresa. É o programa do chamado estaleiro 4.0 en que colaboran a Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña.

Agora o consello de administración da SEPI dálle luz verde á primeira das reformas. Trátase da construción dun gran taller deseñado para fabricar módulos de gran tamaño que servirán para aforrar tempo. Os traballos prolongaranse durante tres anos e suporán un investimento de arredor de 100 millóns de euros.

O plan estratéxico de Navantia contempla investimentos de aquí ao 2022 en todo o conxunto da empresa cun investimento previsto que rolda os 500 millóns de euros.