102 centros educativos participan este curso no programa “Biblioteca creativa”


Un total de 102 centros educativos de Infantil e Primaria de toda Galicia −25 de nova incorporación e outros 77 que renovan a súa continuidade− participan neste curso no programa Biblioteca Creativa da Xunta de Galicia que ten por obxectivo impulsar, desde a biblioteca escolar, un espazo creativo de aprendizaxes no que o alumnado poida experimentar e investigar con todo tipo de recursos; e para o cal a Consellería de Cultura, Educación e Universidade aporta os recursos necesarios.

Así, segundo a resolución publicada no Portal Educativo, neste curso participarán por primeira vez neste programa un total de 10 novos centros da provincia da Coruña, tres de Lugo, dous de Ourense e 10 de Pontevedra. Ao mesmo tempo, tamén se renova a continuidade no proxecto doutros 77 centros incorporados en edicións anteriores, polo que o total de centros adscritos elévanse a 102, a razón de 38 na provincia da Coruña, 14 en Lugo, 11 en Ourense e 39 en Pontevedra.

Esta iniciativa, −integrada no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE)−, busca estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de actividades manipulativas e outras, programadas desde a biblioteca escolar, mediante a utilización de pequenos robots, os Escornabots, deseñados dentro dun proxecto de hardware libre, cunha evolución aberta á comunidade. A través disto búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.