O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou Carballo para informar que a Xunta concedeu axudas para a mellora de 11 establecementos de aloxamento turístico e de restauración por importe de case 140.000 euros.
A convocatoria destas axudas para financiar actuacións de mellora de infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración permitiu levar adiante proxectos dirixidos fundamentalmente a financiar, entre outras actuacións, accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nestes negocios; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría.
Tamén se inclúen iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade introducindo medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento do entorno; ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento dos establecementos.
A través desta liña de apoios creada en 2018, a Xunta subvencionou proxectos de mellora das infraestruturas turísticas cunha achega autonómica de máis de 3,7 millóns de euros co obxectivo de incrementar a calidade, a accesibilidade e a sustentabilidade da oferta turística galega.
Beneficiarios de Aloxamentos Turísticos:
| NOME COMERCIAL | CONCELLO ESTABLECEMENTO | SUBVENCIÓN |
| Balneario de Carballo | Carballo | 26.524,39 € |
| Hotel de Naturaleza AV SL | Cee | 7.429,58 € |
| Hotel Insua | Cee | 14.720,85 € |
| Hotel Langosteira | Fisterra | 2.120,20 € |
| Hotel Vida Finisterre Centro | Fisterra | 34.881,35 € |
| Hotel Playa de Laxe | Laxe | 1.372,50 € |
| A Torre de Laxe | Laxe | 4.661,25 € |
| Casa Fontequeiroso | Muxía | 3.170 € |
| TOTAL | 8 | 94.880,12 € |
Locais de Restauración:
| NOME COMERCIAL | CONCELLO ESTABLECEMENTO | SUBVENCIÓN |
| Raxería Río Sil | Carballo | 34.921,00 |
| O Fragón | Fisterra | 8.909,00 |
| Restaurante A Lareira | Fisterra | 1.178,73 |
| TOTAL | 3 | 45.008,73 € |