O PSdeG celebrou os 40 anos do Estatuto de Autonomía

1 minutes read
Cedida.

O PSdeG celebrou este sábado os 40 anos da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, que se cumpren o próximo 6 de abril, reivindicando o seu papel na aprobación deste texto que «deu lugar aos mellores anos» da democracia. Os socialistas galegos, con Gonzalo Caballero, os expresidentes Laxe e Touriño á fronte, reuníronse no Parque de Bonaval, en Santiago de Compostela, para celebrar o aniversario deste texto, un «bo Estatuto» que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ve necesario «reformar» unha vez superada a pandemia para adaptalo á realidade actual.

De feito, o xefe de filas do PSdeG destacou a liña que une “a loita histórica, patriótica” dos galegos que no ano 36 tentaron a primeira carta estatutaria cos que o lograron no ano 81; cos que, en 2007, con Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta, “tentaron levar a nosa norma fundamental a maiores cotas” e cos que, en 2021, “defendemos que o autogobernos é a mellor forma de xestionar os retos do futuro”.

Tanto é así que fixo fincapé en que a celebración dos 40 anos da autonomía non son a reivindicación do pasado, “senón o camiño para o futuro” e “a mellor folla de traballo” para seguir construíndo “un país mellor”. “O estatuto non foi o punto de chegada”, puntualizou, defensor dun “galeguismo que non se quere pechar, senón abrir para apostar por unha Galicia mellor”.