112 participantes no campus de fútbol da Laracha


  • A actividade desenvólvese no campo Municipal da Laracha e en A Porta Santa de Paiosaco.

As actividades culturais e deportivas de verán que organiza o Concello da Laracha están a ter rotundos éxitos de participación desde que comezou a desenvolverse o programa a primeiros de xullo.
Unha das propostas que conta con maior número de participantes é o campus de fútbol, que neste ano alcanza a súa duodécima edición e conta con 112 participantes. A actividade comezou o luns e rematará o sábado. Estase a realizar en dous campos de xeito simultáneo e por grupos de idade: o Municipal da Laracha (nenos de 5 a 10 anos de idade) e A Porta Santa de Paiosaco (11 a 16 anos).
O Concello da Laracha asume integramente os gastos da actividade, polo que a inscrición foi gratuíta para os participantes. Todos eles están a realizar, baixo a supervisión de técnicos e monitores especializados, diferentes exercicios lúdico-deportivos sempre coa práctica do fútbol como marco referente. Ademais de divertirse, os participantes poden mellorar as súas calidades físicas, técnicas e tácticas.
Este mércores os rapaces e os monitores recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira Rocío López.