114 persoas participaron na consulta cidadá para mellorar a casa consistorial da Laracha

1 minutes read

Na web municipal recibíronse 114 respostas sobre aspectos relacionados coa estética exterior do edificio, a mellora dos espazos circundantes e da accesibilidade, a conservación das zonas verdes, o aumento da eficiencia enerxética, a tipoloxía do material a empregar no proxecto construtivo e a nova posición dentro do edificio dos servizos de atención ao cidadán e do rexistro central, entre outras, ademais do apartado específico para achegar suxestións.

A consulta levouse a cabo para implicar á poboación e adecuar determinadas decisións aos seus criterios por tratarse dun proxecto de interese xeral e clave tanto para a reconfiguración do emblemático espazo que conforma a Praza do Concello como para o futuro funcionamento da administración local.

A Casa Consistorial da Laracha cumprirá o ano que vén o cincuenta aniversario desde a súa inauguración en 1974. Durante este medio século só foi obxecto dunha reforma de entidade: a realizada en 1989 e consistente na construción do segundo andar e dos espazos do baixo cuberta.

O amplo proxecto de rehabilitación que agora se promove presenta un orzamento inicial de 1,25 millóns de euros, contándose para o seu cofinanciamento cunha achega económica de 700.000 euros procedente dos fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública.

A consulta estivo aberta a veciñanza durante un mes e o Concello agradece a súa participación co propósito de recoller opinións e ideas para mellorar o proxecto de rehabilitación da Casa Consistorial.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?