12 empresas ofertan para a mellora do saneamento en Ver e Boebre, en Pontedeume


A Xunta vén de recibir 12 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do sistema de saneamento nos núcleos de Ver e de Boebre, no concello de Pontedeume, cun investimento autonómico de 958.000 euros.

Estas obras, cuxo prazo de execución é de 6 meses, acometeranse mediante a colaboración técnico-financeira entre Augas de Galicia e o Concello de Pontedeume.

A Xunta asume integramente o financiamento das actuacións destinadas á eliminación dos vertidos incontrolados ao medio procedentes dos núcleos de Ver e de Boebre. Ademais, Augas de Galicia levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

O Concello de Pontedeume asume a posta á disposición dos terreos necesarios, as autorizacións para a execución dos traballos, así como o mantemento e conservación das instalacións.

As obras estarán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.


Os traballos permitirán construír unha nova estación de bombeo en Ver e unha nova rede de colectores e impulsión, así como a construción dunha nova depuradora de augas residuais no núcleo de Boebre.