- Trátase dos finalistas e gañadores dos retos lanzados polas galegas Citic Censa e Cofrico.
- Os mellores proxectos acelerados poderán acceder a unha axuda de ata 10.000 euros concedida pola Xunta.
Un total de 12 start ups, empresas e emprendedores participaron no programa de aceleración organizado por Galicia Open Future para os gañadores e finalistas dos retos lanzados no seu día por Citic Censa (que expuxo dous retos) e Cofrico.
O programa de aceleración incluíu formación en axudas públicas, habilidades para presentacións en público, propiedade industrial intelectual, técnicas de venda, dereitos laborais, protección de datos ou márketing online, entre outros.
Tras a finalización do programa seleccionouse, para cada reto, o mellor proxecto do programa de aceleración. De entre as empresas correspondentes ao primeiro reto de Citic Censa, a seleccionada foi a empresa cordobesa Axmill Precision Engineering, mentres a guipuscoana Nuavis Technology levou a distinción correspondente ás empresas do segundo reto de Citic Censa. Pola súa banda, a emprendedora lucense Lara Neira foi seleccionada como mellor proxecto do programa de aceleración entre as empresas do reto lanzado por Cofrico.
Os premiados poderán acceder a unha axuda concedida pola Xunta de Galicia, a través da Amtega, de ata 10.000€ para a posta en marcha de proxectos emprendedores. Ademais, todos os participantes tamén recibiron un patrocinio da Administración autonómica, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), de ata 10.000 euros por participar no programa.