12 ofertas compiten na ampliación do parking do Hospital Materno da Coruña e do Naval de Ferrol

2 minutes read

A Xunta recibiu un total de 12 ofertas para executar as obras de ampliación dos aparcadoiros do Hospital Teresa Herrera da Coruña (o Materno-Infantil) e do Hospital Naval de Ferrol, que suporán un investimento de preto de 1 millón de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras nestes dous centros hospitalarios a comezos de 2022. Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses, polo que no vindeiro ano quedarán completamente rematados.
Máis en detalle, a nova actuación da Xunta no centro hospitalario coruñés Materno-Infantil permitirá incrementar o número de espazos de estacionamento, poñendo á disposición dos usuarios 31 prazas de perfectamente ordenadas, que virán sumarse ás 53 habilitadas o pasado ano.
A intervención obxecto deste contrato consistirá no acondicionamento dunha zona situada na parte traseira do hospital Materno-Infantil onde se atopan antigos depósitos e balsas de augas residuais.
Os traballos proxectados, unha vez preparada a superficie, centraranse en habilitar dous espazos para aparcadoiros, con 15 e 16 prazas, respectivamente. Na actualidade, un destes espazos, aínda que sen urbanizar, xa se usa para o estacionamento. No outro habilitaranse novas prazas á disposición do hospital.
Adicionalmente, habilitarase un viario perimetral, que permitirá realizar unha circulación en anel bordeando os novos aparcadoiros, conectando co camiño de Xubias de Abaixo, que se ampliará na zona máis próxima á actuación.
Paralelamente, modificarase un dos actuais accesos ao hospital Teresa Herrera para mellorar a ordenación do tráfico, dotándoo dunha configuración tipo rotonda.
Hospital Naval de Ferrol
A actuación proxectada no Hospital Naval de Ferrol permitirá habilitar 266 novas prazas de aparcadoiro.
Neste caso, duplicarase o número de prazas de aparcadoiro existentes, executando un novo aparcadoiro na zona norte, contiguo ao actual, outro na zona sur, e tamén novas prazas na marxe esquerda do viario perimetral. Do total de prazas, 8 serán para persoas con mobilidade reducida.

Ademais, executarase un novo viario de acceso de uso exclusivo para ambulancias, para facilitar os seus movementos, xa que o percorrido circulatorio interno dos vehículos no recinto causa interferencias que prexudican a axilidade requirida para este servizo.