A Policía Nacional detivo a 121 persoas, 118 homes e tres mulleres, nunha das operacións máis importantes desenvolvidas en España contra a pornografía infantil, na que se levaron a cabo 125 rexistros e se interviñeron 946 dispositivos con 500 terabytes de contido pornográfico protagonizado por menores. Durante os rexistros efectuados nos domicilios ou postos de traballo dos arrestados interviñéronse 368 discos ríxidos, 427 CD e DVD, 114 memorias usb, 37 tarxetas de memoria, 60 computadores, 47 teléfonos móbiles, seis tabletas, unha videocámara e outros dispositivos electrónicos, detallou nun comunicado a Policía Nacional. Os 121 arrestados facían uso da mesma plataforma dixital para obter e compartir o contido ilícito. Todo o material intervido no operativo atópase sometido a unha análise técnica policial, en busca de novas evidencias que permitan continuar xestións de investigación para identificar novas vítimas de abuso sexual, ou contactos dos detidos que conformen unha rede de pederastas. A operación requiriu que participasen 46 unidades territoriais de axentes especializados en ciberdelincuencia.
0