- O equipo de socorrismo, integrado por 32 profesionais, empezará a traballar o xoves 10
Coincidindo co inicio do mes de xuño, o servizo de limpeza de praias comezou a traballar nos areais do concello de Carballo. Neste caso son cinco as persoas que integran o equipo da empresa Acciona Servicios Urbanos. O contrato, vixente dende o verán do 2020 cun orzamento anual de 88.938,45 euros, inclúe os traballos manuais e mecánicos precisos para a recollida de residuos nos areais e as súas zonas de influencia (zonas verdes, aparcamentos, accesos ou parques infantís) para a súa utilización durante todo o ano, así coma as instalacións das praias (casetas de socorrismo, aseos ou duchas), a fonte de Arnados, as contornas da caseta das mariscadoras e o local que ten Protección Civil no porto de Razo.
Para poñer a punto as praias de cara á inminente chegada do verán, estes días as tarefas céntranse na montaxe de pasarelas, casetas e pontes; na limpeza xeral, a adecuación do perfil da praia e corta de céspede; un cribado na area e a colocación dos elementos necesarios para que se poida utilizar a praia. Durante este período tamén se realizarán limpezas diarias das praias e as súas zonas de influencia, incluído o baleirado das papeleiras.
As casetas dos postos de vixilancia tamén están sendo acondicionadas para acoller ao equipo de salvamento e socorrismo, formado por 32 profesionais, que ten previsto comezar a traballar o vindeiro xoves 10. A empresa conta tamén cunha persoa na praia de maneira permanente para que os aseos estean sempre limpos. Ademais, o contrato inclúe a xestión das fosas sépticas e sanitarios portátiles, a renovación anual das certificacións ISO 14001 e EMAS, a dotación de auga corrente e subministro eléctrico, duchas e caseta na praia da Arnela, e a montaxe e desmontaxe de todos os elementos de madeira.