13 emprendedores participan nas xornadas sobre administración e finanzas do Carballo Coworking

Cedida

  • Este martes é o último día das sesións, que son impartidas no Fórum Carballo por Ana Belén Muñiz Vera

Un total de 13 persoas participan desde este luns na nova actividade formativa organizada polo Carballo Coworking e impulsada desde a oficina de Promoción Económica do Concello de Carballo. Trátase dunhas xornadas informativas sobre xestión económica e financiamento, dirixidas preferentemente a usuarios deste espazo de traballo colaborativo, ás que tamén acoden emprendedores e autónomos, pemes, startup e persoas cunha idea de negocio.

A actividade desenvólvese durante este luns e martes no auditorio do Fórum Carballo, en horario de 10:00 a 12:00 horas. Consta de dúas sesións teórico prácticas impartidas por Ana Belén Muñiz Vera, xestora administrativa e licenciada en Administración e Dirección de Empresas ademais de formadora no coworking do Pazo de Arenaza.

A xornada deste luns xirou arredor da xestión administrativa e a tramitación online. Ademais de abordar cuestións básicas laborais e fiscais relacionadas co emprendemento, a Seguridade Social e a Axencia Tributaria, os asistentes tiveron a oportunidade de expoñer dúbidas sobre cuestións do seu día a día como a alta en autónomos, o Imposto de Actividades Económicas, libros de rexistros, declaracións, sede electrónica, xestións telemáticas, etc.

Para este martes está previsto abordar as diferentes liñas de financiamento para proxectos emprendedores e/ou empresas de recente creación, atendendo a unha das principais demandas formativas actuais, ademais de prestar apoio e asesoramento ás persoas que inician unha actividade empresarial. Ao remate procederase á entrega de diplomas a todos os asistentes.