Durante as últimas semanas os servizos técnicos e administrativos municipais analizaron a documentación das 214 solicitudes de axudas económicas presentadas ao programa municipal de subvencións para o fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica para paliar os efectos da Covid-19. Esta liña de axudas vai dirixida a empresarios e autónomos do termo municipal da Laracha que foran obrigados a suspender a apertura ao público ou que sufriran minoración da súa facturación debido ao decreto do estado de alarma de marzo.
Unha vez completada esta fase inicial de análise das solicitudes concedense as trece primeiras subvencións a aqueles solicitantes que cumpren as condicións necesarias para poder ser beneficiarios do programa e que achegaron de xeito óptimo a totalidade da documentación precisa. Ao resto dos solicitantes remitiráselles o correspondente requirimento de subsanación indicándolles que documentos restan por incorporar aos seus expedientes e o prazo para facelo.
A través deste plan municipal de axuda ao fomento do emprego o Concello subvencionará con ata un máximo de 2.100 euros a cada beneficiario, cunha contía fixa inicial de 600 euros que se incrementará en 300 euros máis por autónomo ou empregado ata o citado tope. A partida orzamentaria destinada a atender as solicitudes destas subvencións está dotada con máis de 220.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais.