14 mortos e dous feridos ao caer unha telecabina nos Alpes italianos


Accidente mortal nos Aples italianos. Polo menos 14 persoas morreron ao caer ao baleiro unha cabina de teleférico este domingo en Stresa, unha estación de esquí do Piamonte situada a beiras do lago Maior, no norte de Italia. Dous nenos de nove e cinco anos están gravemente feridos e foron trasladados ao hospital infantil Regina Margherita de Turín. O accidente produciuse a 100 metros da estación do cume, a cabina caeu nunha zona boscosa con forte pendente de difícil acceso. Crese que a causa foi a rotura dun cable na parte máis alta do percorrido. O teleférico, moi popular entre os turistas, tarda 20 minutos en unir o pobo de Stresa co monte Mottarone, que se eleva a case 1.500 metros e ofrece unhas vistas espectaculares do lago Maior e os Alpes.