As nosas felicitacións a todos os colegas que viven e gozan día a día dun medio de comunicación que non pasa de moda.
O 13 de febreiro de 2019 a UNESCO celebra a oitava edición do Día Mundial da Radio. Este día é unha oportunidade para que o mundo se lembre do seu impacto nas nosas vidas. A radio infórmanos, transforma e une. Reúne a comunidades de todas as profesións e condicións sociais para promover un diálogo construtivo para o desenvolvemento. Máis concretamente, a radio é o medio ideal para pedir que se apacigüen e contrarresten a violencia e os conflitos, en particular en zonas remotas, que están potencialmente máis expostas a esas realidades. Sobre esta base, o tema do Día Mundial da Radio 2019 é “Diálogo, tolerancia e paz”. Ao proporcionar unha plataforma para o diálogo e o debate democrático sobre temas de actualidade, como a migración ou a violencia contra as mulleres, a radio pode axudar a sensibilizar e difundir novas perspectivas positivas. A radio tamén pode axudar a difundir a tolerancia e superar as diferenzas para reunir ás persoas ao redor de obxectivos e causas comúns, como o dereito á educación e á saúde para todos. Unete á celebración do Día Mundial da Radio na procura dun mundo máis pacífico e tolerante.


A idea desta celebración naceu do presidente da Academia Española da Radio, Jorge Álvarez, que en xaneiro de 2008 solicitou a instauración deste día ao Director Xeral da UNESCO, Koichir Matsuura. Foi en novembro de 2011 cando finalmente a UNESCO proclamou o Día Mundial da Radio a proposta formal do Goberno de España. Fíxoo para o 13 de febreiro, data na que en 1946 se creou a radio das Nacións Unidas. A radio é o medio de comunicación máis dinámico, reactivo e atractivo que existe e soubo adaptarse aos cambios do século XXI. Ante o perigo de que as redes sociais e a fragmentación do público se agrupe en burbullas informativas formadas unicamente por persoas afíns, a radio figura nunha posición única para unir a comunidades diversas e fomentar o diálogo positivo e o cambio. A radio ofrece diversidade de opinións e de voces, tan necesaria para enfrontarnos a desafíos que nos afectan a todos. A radio infórmanos e transfórmanos a través do entretemento, a información e a participación do público. Ao ter unha radio, nunca se está só e sempre se conta coa compaña dun bo amigo.