14.000 profesionais do Sergas solicitaron acceder á carreira profesional

Imaxe de arquivo de persoal sanitario

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, compareceu no Parlamento de Galicia para informar da próxima resolución do procedemento de carreira profesional correspondente á convocatoria do ano 2020. Dos 14.000 profesionais do Sergas que presentaron a súa solicitude, preto de 3.000 son sanitarios licenciados, 7.000 diplomados sanitarios e técnicos de FP e 4.000 persoal de xestión e servizos.

Nesta convocatoria, o 80% dos profesionais estiveron exentos do requisito de permanencia no grao anterior, de xeito que puideron acceder a dous graos de carreira en 2 anos (2018-2020), converténdoa nunha segunda convocatoria extraordinaria. Deste xeito, por exemplo, o persoal facultativo especialista e médico de familia que teña accedido a 2 graos según a convocatoria de 2018 e 2020 terá un importante incremento retributivo de máis de 6.000 euros en catro anos, para o persoal de enfermería o incremento será de preto de 4.000 euros.

Así, beneficiouse desta exención, o persoal que fora fixo no Sergas, ou nas entidades adscritas, con anterioridade ao 31 de decembro de 2011, e que no momento desta convocatoria fora persoal estatutario, sempre que permaneceran dun xeito continuado en situación de servizo activo (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza) desde o último recoñecemento de grao.

A mesma exención do período de permanencia, foi aplicable ao persoal dos modelos tradicionais de atención primaria que estean integrados funcionalmente e non completasen a súa carreira profesional, e tamén aos que tiveran solicitado a súa integración antes da finalización do prazo de presentación de solicitude de carreira, o pasado 4 de xaneiro.