14, 21 e 28 de outubro | Terceira edición das Xornadas de Promoción da Saúde, na Laracha

O Concello da Laracha pon en marcha a terceira edición das Xornadas de Promoción da Saúde, unha iniciativa aberta á cidadanía e de carácter gratuíto que busca ofrecer coñecementos prácticos para mellorar o benestar físico e emocional a través de sesións informativas de interese social.

O programa desenvolverase os martes 14, 21 e 28 de outubro na Laracha e en Paiosaco, contando con profesionais da psicoloxía, a nutrición e a medicina que achegarán recursos e ferramentas útiles para o día a día.

A primeira cita terá lugar o martes 14 no Centro Sociocultural de Paiosaco coa sesión titulada Manexo da ansiedade. A psicóloga Patricia Rodríguez Villar abordará a identificación dos síntomas de estrés e ansiedade e como afrontalos mediante diferentes técnicas e ferramentas prácticas.

O martes 21 a actividade trasladarase á Casa da Cultura da Laracha, onde a nutricionista Rita Allegue Oset –profesional da Clínica Rita Allegue e vogal de CODINUGAL– impartirá a charla Etiquetado nutricional e Nutri-Score. Nela explicarase a importancia de interpretar correctamente a información dos envases e do sistema de etiquetado Nutri-Score, así como as súas vantaxes para tomar decisións de consumo máis conscientes.

Finalmente, o martes 28, tamén na Casa da Cultura da Laracha, será a quenda para a sesión Máis que vapor: que hai detrás dos vapers?. A doutora Andrea Vecino Fernández, médica residente de medicina familiar e comunitaria no Centro de Saúde da Laracha, ofrecerá información sobre os dispositivos de vapeo, as súas substancias e riscos a curto e longo prazo, ademais de ferramentas educativas para acompañar ás novas xeracións.

Todas as actividades darán comezo ás 19:00 horas e non requiren inscrición previa.

A organización deste programa é a cargo do Concello coa colaboración da Deputación da Coruña.

Related posts

Campaña da DXT para concienciar do perigo de usar o móbil ao volante

Unha operaria resulta ferida tras caer duns tres metros nunha explotación gandeira en Vilasantar

Unha gran marea humana desborda Santiago de Compostela en solidariedade con Palestina