14 concellos da comarca de Santiago asesóranse sobre as novas directrices da paisaxe


O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou aos concellos da comarca de Santiago a implicarse e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entrou en vigor o pasado 20 de febreiro.

Así llo trasladou a unha representación de técnicos e responsables municipais dos concellos de Trazo, Tordoia, Val do Dubra, Ordes, A Baña, Oroso, Santiago, Ames, O Pino, Arzúa, Touro, Boqueixón, Vedra e Teo no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada no Centro Social Polivalente, en Trazo.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva varias semanas celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel local o contido das Directrices. Neste sentido, Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país en materia paisaxística.