14 empresas presentan as súas ofertas para executar a nova senda entre Carballo e Coristanco

1 minutes read

Un total de 14 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras do novo itinerario para peóns e ciclistas non deportivos entre Carballo e Coristanco, que suporá un investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.

Este itinerario, que se desenvolverá na marxe da estrada autonómica AC-552, comezará a executarse na primavera e estará rematado a principios de 2022, pois conta cun prazo de execución de 8 meses.

Trátase dun novo itinerario de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos, que permitirá reforzar e compatibilizar a seguridade viaria de todos os usuarios da estrada, con especial atención aos máis vulnerables.

O itinerario de preto de 2,5 km de lonxitude iniciarase á saída de Carballo e rematará no punto no que comezan as beirarrúas do municipio veciño de Coristanco. Prevense dous treitos, actuando tanto na marxe esquerda da estrada, como polo lado dereito.

Pola marxe esquerda, serán case 1,9 km de nova senda que irán desde a saída de Carballo ata conectar coa beirarrúa existente en Montecelo, xa en Coristanco, continuando a beirarrúa ata o núcleo de Coristanco.

Pola marxe dereita da estrada, habilitarase unha senda ata as inmediacións da fábrica de Calvo, de aproximadamente 600 metros.

Co obxectivo de darlle continuidade ao itinerario sobre o río Grande, executarase unha pequena pasarela adosada ao viaduto existente.

O proxecto tamén prevé traballos de pavimentación, drenaxe de augas pluviais, xunto coa execución dalgúns servizos en previsión de futuras canalizacións de telecomunicacións e alumeado.

Esta intervención completa o Plan de Sendas da Xunta para a comarca de Bergantiños, xa que os outros 6 itinerarios previstos xa están executados.