O novo campo de voluntariado internacional que organiza o Concello da Laracha co apoio da Xunta de Galicia comezou o pasado luns, 3 de agosto, e prolongarase ata o día 14. Nesta ocasión reúne catorce mozos de entre 18 e 30 anos de idade chegados de lugares moi diversos tanto nacionais (dous de Madrid e da Coruña e un de Zaragoza, Granada, Murcia, Badajoz e Vigo) como doutros países (dous de Italia e un de Colombia, Francia e Xapón), favorecendo así o intercambio cultural que caracteriza este tipo de iniciativas.
A gran novidade deste ano é a ampliación das actuacións ao entorno do menhir de Erboedo, destacado elemento patrimonial de titularidade municipal onde se está actuando na recuperación ambiental do espazo mediante labores centradas especialmente na deseucaliptización. Ademais, continúase cos traballos no Castro de Montes Claros similares aos realizados en edicións anteriores e consistentes na limpeza manual dos afloramentos rochosos. Para unha correcta realización deses labores, os voluntarios están dirixidos por un equipo de monitoras especializadas e con supervisión arqueolóxica. De feito, antes de comezar a actuar recibiron formación específica sobre a os dous puntos de intervención.
O tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira de Xuventude, Patricia Bello, deron a benvida aos voluntarios no propio Castro de Montes Claros, desexándolles unha boa estancia e agradecéndolles a súa implicación nun programa que combina a formación, a convivencia e o compromiso coa conservación e difusión do patrimonio cultural e natural do municipio.
O aloxamento dos voluntarios é no albergue habilitado polo Concello no Centro Sociocultural de Santa Margarida (o antigo hospital dos peregrinos de Montemaior), desde onde se desprazan cada día aos lugares de intervención.
Polas mañás realízase o traballo específico nos puntos de actuación e, polas tardes, o programa complétase cun amplo calendario de actividades educativas, culturais e de lecer que inclúe visitas a diferentes puntos da Costa da Morte e outros lugares de Galicia, práctica de deportes acuáticos, sendeirismo e actividades que os acheguen á música tradicional galega entre outras experiencias orientadas a favorecer o coñecemento da contorna, da cultura e da historia do municipio.
Os campos de voluntariado como o que organiza cada verán o Concello da Laracha co apoio da Xunta ofrecen á mocidade a oportunidade de vivir unha experiencia de participación activa ao servizo da comunidade, fomentando valores como a cooperación, a convivencia intercultural e o respecto polo patrimonio e polo medio ambiente, ao tempo que contribúen á conservación de espazos de gran valor histórico.