14 postos participarán o domingo 6 de agosto na Feira de Horticultura en Paiosaco

2 minutes read

O evento, que chega a súa sexta edición, foi presentado no Concello da Laracha polo alcalde, José Manuel López Varela, xunto á concelleira de Promoción Económica, Rocío López, e membros das asociacións que colaboran na organización: A Terriña e Horta do Noroeste. Tamén asistiron representantes de empresas e entidades que estarán presentes na Feira de Horticultura, como o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte, o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa e o Polo de Emprendemento Costa da Morte que compartirán un dos catorce postos.

Os outros stands serán para horticultores da Laracha e outros municipios próximos como Carballo, Arteixo, Coristanco e Cerceda. Un deles destinarase á plataforma de venda online Kibus precisamente co propósito de poñela en contacto cos produtores para crear sinerxías entre eles. E tamén haberá espazo para a xeadería Mmmm! Xeados, que sorprenderá con algunhas das súas elaboracións, e para Acastrexa, empresa centrada na elaboración de conservas.

O rexedor municipal comezou a súa intervención agradecendo a todos os colaboradores e participantes, “tanto aos que se incorporan neste ano e aos que levan participando desde a primeira edición”. López Varela destacou “o valor engadido” de celebrar este evento “aproveitando a feira de Paiosaco, xa que o seu motor é o produto local” e tamén o programa de eventos, que presenta novidades pero sempre coa mesma fin de “reforzar a produción de horta no Concello”. Rocío López detallou as actividades que se van levar a cabo durante a xornada. Os postos estarán abertos ao público desde as 9:30 horas e ata que remate a feira. Entre as 11:30 e as 13:30 horas haberá un show cooking con degustación para os asistentes no que a chef Beatriz Sotelo realizará as súas elaboracións precisamente con produtos de horta doados polos propios profesionais asistentes. Ademais, haberá sorteos de agasallos entre as persoas que se acheguen durante a mañá.

Relación de postos na Feira de Horticultura

  • Concello da Laracha.
  • Asociación de Produtores Horta do Noroeste.
  • Asociación A Terriña.
  • Horta Baldaio – A Despensa que Pensa
  • Entreverdes
  • Verxel Galego
  • Apropaco
  • Hortalizas Añón Pardiñas
  • Verduras Chelín
  • Show cooking de Beatriz Sotelo
  • Acastrexa
  • GDR Costa da Morte – EFA Fonteboa – Polo de Emprendemento Costa da Morte
  • Galia by Kibus
  • Mmmmh Xeados!