145 inscricións para unha praza de auxiliar administrativo na Laracha

1 minutes read

O Concello da Laracha incorporará un auxiliar administrativo como funcionario interino para executar programas de carácter temporal e cubrir necesidades urxentes ante o volume de traballo motivado polo incremento da tramitación de expedientes administrativos pola crise do coronavirus.

Unha vez rematado o prazo, son 145 as persoas inscritas para formar parte do proceso selectivo. A listaxe provisional de admitidos e excluídos pode consultarse na web municipal, na sede electrónica e tamén no taboleiro de anuncios do Concello. As persoas excluídas teñen un prazo de cinco días hábiles para a emenda das deficiencias.

A selección farase polo sistema de concurso-oposición. Na fase de concurso valoraranse as titulacións académicas e os curso formativos dos aspirantes. A fase de oposición consistirá na realización dunha proba tipo test de cincuenta preguntas.

Entre as funcións do novo auxiliar administrativo que incorporará o Concello cabe salientar a tramitación das solicitudes de subvención dos plans de axudas impulsados polas administracións, cooperación cos diferentes departamentos municipais e tramitación dos expedientes sancionadores por incumprimento das medidas de prevención sanitaria.