15 científicos incorpóranse como «investigadores distinguidos» ás universidades galegas

2 minutes read

Un total de 15 científicos de recoñecido prestixio vanse incorporar nos próximos meses ás universidades galegas en calidade de Investigadores Distinguidos (ID), figura impulsada pola Xunta ao abeiro do primeiro Programa de Atracción e Retención do Talento científico en Galicia, e cuxa resolución sairá publicada mañá no Diario Oficial de Galicia.

A través desta nova categoría de Investigador Distinguido, o Goberno galego busca atraer e reter persoal investigador cunha ampla e recoñecida traxectoria co obxectivo de desenvolver as capacidades de investigación dos centros e das unidades de I+D do SUG.

Cunha dotación orzamentaria de 5 millóns de euros, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asume o financiamento íntegro da contratación, por parte do Sistema Universitario Galego (SUG), dos 15 investigadores que foron seleccionados por unha comisión avaliadora externa. Trátase de 10 científicos que se incorporarán a centros de investigación universitaria de Galicia procedentes doutros organismos de fóra (Modalidade de Atracción) e outros cinco da Modalidade de Retención (orientada á contratación de persoal investigador actualmente con contrato nunha universidade galega).

Na modalidade de Atracción de Talento, catro dos dez seleccionados incorporaranse á Universidade de Vigo, tres á Universidade de Santiago de Compostela e outros tres á Universidade da Coruña. Dos cinco seleccionados na Modalidade de Retención de Talento, tres traballarán na UVigo, un na USC e outro na UDC.

Os científicos seleccionados vanse integrar nos próximos meses nalgunha das estruturas de investigación do SUG con axuda vixente, como pode ser un centro de investigación acreditado pola Consellería, o centro de excelencia Severo Ochoa radicado en Galicia e con acreditación vixente, ou nunha agrupación estratéxica modalidade A no ano 2018.

Este novidoso programa de axudas enmárcase dentro do conxunto de accións de apoio á carreira investigadora desde as etapas formativas iniciais (apoio predoutoral), ata completar a formación posdoutoral ao longo de cinco anos. Agora dáse un chanzo máis cunha nova medida na procura da atracción, incorporación e retención de talento investigador para garantir a excelencia da investigación científica en Galicia.

A contratación desta figura de Investigador Distinguido faise a través de dúas modalidades: a modalidade de atracción e a modalidade de retención.