O Goberno galego investirá 1,5 millóns de euros no marco da emerxencia declarada no río Eume e no abastecemento de auga do concello de Pontedeume e destinará a maior parte desa achega á modernización da estación de tratamento de auga potable municipal.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, declarou este martes día 13 a emerxencia para afrontar a situación e está a colaborar co Concello de Pontedeume no desenvolvemento das súas competencias municipais, xunto coa concesionaria do servizo da auga, co obxectivo de restablecer os parámetros da auga e poder garantir canto antes o abastecemento á poboación.
A declaración de emerxencia permitirá a adopción das medidas necesarias para reducir os niveis de turbidez do río Eume e acometer actuacións urxentes na estación de tratamento de auga potable municipal para conseguir, á maior brevidade posible, que a auga volva ser apta para o seu consumo e se poida restablecer o servizo de abastecemento á poboación.
Logo de analizar diversas alternativas, concluíuse que a medida máis áxil e eficaz para restablecer os parámetros da auga é actuar sobre a potabilizadora municipal, con sistemas que favorezan a coagulación e a decantación das partículas en suspensión.
As capacidades de tratamento da planta municipal, que carece de cámaras de mestura de reactivos e auga bruta e tamén de tratamentos físico-químicos, ademais de que dispón dun decantador excesivamente pequeno e con pouca capacidade de filtrado, fai que a Xunta adoptase a decisión de actuar de forma inmediata sobre a potabilizadora municipal.