15 mil persoas visitaron no Gaiás a exposición “Galicia de Nós a nós”

2 minutes read

A mostra Galicia, de Nós a nós remata a súa estadía no Museo Centro Gaiás superando os 15.000 visitantes –aos que se suman os 4.500 estudantes de secundaria que participaron no seu programa de visitas en liña– e coa ollada posta nas itinerancias que a levarán a Ourense e a Pontevedra nos vindeiros meses. A Cidade da Cultura afonda así nun dos seus obxectivos estratéxicos, converténdose en provedora de contidos e proxectos culturais para outros centros expositivos de Galicia, unha liña xa explorada no pasado e que xogará un papel central a partir de agora.

Organizada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, Galicia, de Nós a nós é a segunda gran exposición do Xacobeo 2021 e a mostra central do Goberno galego con motivo da conmemoración en 2020 do centenario da revista Nós. Este domingo é o último día para visitar na Cidade da Cultura esta mostra que, con máis de 300 pezas, se erixe como o proxecto expositivo máis ambicioso realizado ata o de agora sobre a Xeración Nós e o seu legado, exhibindo obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores.

Comisariada polo investigador e académico da Real Academia Galega (RAG) Afonso Vázquez Monxardín e a profesora e investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña, foi inaugurada o pasado 2 de outubro no Museo Centro Gaiás. Ao longo destes máis de tres meses, e atendendo á situación especial xerada pola covid-19, a mostra contou cun intenso programa de visitas comentadas regulares con prazas moi limitadas, polo que se multiplicaron as quendas para atender axeitadamente á demanda e lograr que máis de 800 persoas puidesen participar nestas visitas guiadas.

Paralelamente, organizouse o ciclo Arredor de Nós, que programou cinco visitas en sala a modo de relatorio, centradas en aspectos concretos da exposición e guiadas por grandes especialistas nesa materia. Todas elas foron gravadas en vídeo e colgadas na rede, onde foron xa seguidas por preto de 1.300 persoas e permanecen á disposición de todos aqueles que estean interesados en descubrir a exposición dunha ollada diferente.