150 centros de ensino galegos inician a cuarta edición do concurso pilabot


O certame Pilabot, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores de pilas autorizados na Comunidade —Ecopilas, ERP e Ecolec—, busca fomentar a reciclaxe deste tipo de residuos entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.

Os centros competirán entre si ao longo de seis semanas lectivas para acadar as mellores cifras de recollida de pilas, acumuladores e baterías en desuso, que son dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares.

Deste xeito, os catro centros gañadores repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios. Dous deles de 2.500 euros, un para o centro que máis quilos recupere e outro para o que teña mellor taxa de recollida por alumno. Os outros dous, de 1.250 euros, para os segundos clasificados nas anteriores categorías. Os premios deberán destinarse, en calquera caso, á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.

Paralelamente, tamén está prevista a realización de talleres educativos en medio cento dos colexios participantes, como xa ocorreu na edición anterior. O obxectivo é poñer en valor a importancia das pilas na vida diaria das persoas, facer fincapé na necesidade de garantir a súa correcta reciclaxe e implicar ao conxunto da comunidade educativa destes centros nos obxectivos da campaña Pilabot.

Na mesma liña, tamén se celebrará unha nova edición do concurso artístico #Eusonpilabot dirixido á totalidade do alumnado dos centros participantes. O vindeiro 23 de febreiro abrirá o prazo de inscrición, para o que haberá que enviar unha obra artística en formato imaxe (debuxo, fotografía, mosaico, etc.) inspirada na reciclaxe das pilas e orientada aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 da ONU.

Os escolares inscritos poderán participar en cinco categorías, correspondentes a cada un dos ciclos das etapas educativas de Primaria e Secundaria, e fixaranse cinco premios, que se outorgarán á mellor obra de cada categoría, cuxos autores recibirán unha tablet.

Esta cuarta edición do concurso Pilabot márcase como reto superar ou polo menos igualar os bos resultados acadados nas tres anteriores, nas que se recolleron, en total, máis de 150 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, cifras que representan unha porcentaxe destacada respecto da cantidade recompilada en toda Galicia cada ano.