Coa posta en marcha do último obradoiro, que finalmente se celebra en Cances, xa son 150 as persoas que participan nos cursos de memoria organizados polas concellarías de Benestar e Terceira Idade en nove parroquias do concello. O presidente de Afaber, Jesús Villar, e a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, realizaron unha rolda de visitas a todos os centros sociais, e animaron ás persoas que asisten aos cursos a aproveitar as ferramentas que se lles ofrecen para estimular a mente e retardar o avance dalgunhas das patoloxías máis comúns na terceira idade. No concello de Carballo hai máis de 11.000 persoas maiores de 60 anos, que representan aproximadamente o 35% da poboación. Mellorar a calidade de vida deste colectivo e fomentar o envellecemento activo durante o maior tempo posible é o gran obxectivo das iniciativas que se promoven para axudar ás persoas maiores a recuperar pouco a pouco a súa actividade e as relacións sociais.