161 millóns de espectadores viron o Festival de Eurovisión 2022


As tres fases de competición oficial de Eurovisión 2022, celebradas entre o 10 e o 14 de maio no Pala Olímpico de Turín (Italia), foron seguidas por unha audiencia total de 161 millóns de espectadores, segundo informaron este martes os seus organizadores. En concreto, a final congregou o 43,3 % da cota de audiencia, tres puntos máis que en 2021 e unha cifra que supón o dobre do share medio das televisións que a emitiron. O éxito foi aínda maior no caso dos mozos de entre 15 e 24 anos, ata marcar un 56,2 %. O dato, que recolle só medicións oficiais de 34 países (participaron 40 en total), supón un aumento de 7 millóns respecto ao ano anterior nestes territorios. A esta visualización tradicional hai que sumar os datos do seu gran seguimento en redes e plataformas en liña. TikTok, que foi socio oficial, recibiu 189 millóns de reproducións de vídeos na conta oficial de Eurovisión e congregou a 3,3 millóns de espectadores únicos que seguiron a final a través da súa plataforma.