162 hostaleiros da Costa da Morte xa cobraron as primeiras axudas da Deputación para o sector

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o vicepresidente e responsable de Turismo, Xosé Regueira, reuníronse cos integrantes da Plataforma de Hostalaría e Turismo da Costa da Morte para trasladarlles as principais demandas do sector en relación coa desescalada e o proceso de recuperación. Na xuntanza, analizouse tamén a necesidade de coordinación das distintas administracións para impulsar conxuntamente a reactivación dunha actividade que está a padecer moi de cerca a crise provocada pola pandemia.

Representantes da Plataforma da Hostalaría da Costa da Morte trasladáronlle Goberno provincial as principais preocupacións do sector, neste momento en que é preciso, segundo sinalaron, «sumar forzas para a recuperación da grave crise que padece».

Ademais de analizar asuntos concretos que afectan á hostalería no territorio da Costa da Morte, na xuntanza os membros da Plataforma manifestaron a súa preocupación pola situación e solicitaron unha maior coordinación por parte das administracións nas iniciativas destinadas a súa actividade.

Os representantes do Goberno provincial informaron á plataforma que a Deputación xa pagou 825.000 euros en axudas a 550 autónomos e microempresas de hostalaría da provincia a través do novo plan PEL REACTIVA específico para o sector, que abriu o prazo de solicitudes o pasado luns. Destes fondos, 243.000 euros corresponden a 162 negocios dos concellos da Costa da Morte. As solicitudes a día de hoxe na comarca ascenden a 226.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha