17 laracheses viaxarán este verán a Venecia e Berlín grazas a un programa de intercambio xuvenil


  • En caso de renuncia dos titulares das prazas, ofrecerase a posibilidade de viaxar ás persoas que están nas listaxes de reserva

Este mércores o Concello da Laracha realizou o sorteo público de adxudicación de prazas para participar nos programas xuvenís de intercambio nas cidades de Venecia (Italia) e Berlín (Alemaña).

Para as dez prazas dispoñibles na viaxe a Venecia houbo un total de trinta anotados, e dezanove para as sete prazas coas que se conta para acudir a Berlín. O Concello está a contactar cos que resultaron titulares das mesmas. En caso de producirse renuncias, ofrecerase a posibilidade de participar aos que quedaron nas listaxes de reserva.

Esta iniciativa é froito das relacións establecidas entre A Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co financiamento da Unión Europea.

O programa en Berlín desenvolverase do 27 de xuño ao 6 de xullo, mentres que o de Venecia terá lugar do 2 a 9 de xullo. En calquera dos casos os participantes viaxarán acompañados por monitores e soamente deberán abonar 100 euros, xa que o resto dos gastos (aloxamento, manutención, desprazamentos ou entradas a museos) estarán sufragados pola organización.