O Goberno local da Coruña aprobou as bases que regulan a convocatoria de bolsas de creación artística para artistas individuais por valor de 180.000 euros. Estas axudas, que forman parte do eixo 3 da liña 6 do Plan de reactivación económica e social da Coruña, PRESCO, teñen por obxectivo apoiar e estimular a creación de proxectos de artistas locais como medio para promover a creación cultural na cidade.
Deste xeito, foméntase a actividade creadora e facilítase a promoción das artes; plásticas, escénicas, literatura, deseño, ilustración, cómic, proxectos de investigación e creación de obra musical, e a difusión da súa obra mediante a axuda a proxectos a desenvolver durante o ano 2020. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 20 días naturais unha vez saia publicada a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).