18F | O BNG apelou en Carballo a concentrar o voto do cambio en torno a súa candidatura

3 minutes read

A planta alta do Mercado Municipal de Carballo quedou pequena este mércores para acoller á cantidade de persoas que se deron cita para asistir ao mitin central do BNG na comarca. No acto interviron o alcalde carballés, Evencio Ferrero, a número 14 da lista pola Coruña Carolina Castiñeiras, o número 5 Daniel Pérez e a número 2 tamén pola provincia da Coruña, Mercedes Queixas.

Aínda que inicialmente estaba prevista a presenza de Ana Pontón, a candidata á presidencia da Xunta non puido estar en Carballo porque o acto coincidía co debate organizado por TVE, un debate a dous porque o candidato do PP, Alfonso Rueda, non quixo dar a cara diante das galegas e dos galegos na televisión pública estatal. En todo caso, Pontón fixo acto de presenza nun vídeo gabado para a ocasión e así poder agradecer o apoio que se lle está mostrando a súa candidatura.

Evencio comezou a súa intervención mencionando ao “presidente agochado” en alusión a Rueda e pediu a confianza para que o BNG poida levar a cabo todas as “causas pendentes” que ten a Xunta do PP con Carballo e a Comarca de Bergantiños, enumerando unhas cantas, “a estrada de Xoane, as sendas da Casilla, a circunvalación ou a ampliación do polígono de Bértoa”, todas de competencia autonómica.

Carolina Castiñeiras tomou a palabra cun poema de Manuel María, alavou as potencialidades do país e as carencias que nos deixa o PP tras 15 anos á fronte do Goberno galego, citando a manipulación nos medios de comunicación, o dominio nas eléctricas ou a desfeita na sanidade. “Contra un presidente gris queremos unha presidenta que irradie a luz, con ilusión e honestidade”, concluíu.

O deputado carballés Daniel Pérez afirmaba na súa intervención que este domingo “comezará a primavera en Galicia da man do BNG, a única alternativa para acabar co PP”. Coincidiu coa súa compañeira en enumerar as demandas históricas do BNG para a Costa da Morte, máis de 50 dixo, que foron ao Parlamento galego e polas que o PP non prestou nin o máis mímimo interese: A dársena do Porto de Malpica, Xeal, o edificio da antiga cámara agraria de Carballo, a circunvalación, o areal de Laxe, o centro de saúde ou a autovía da Costa da Morte, foron algunhas das que nomeou.

Mercedes Queixas encomiu o traballo de Evencio en Carballo para mellorar a vila e a vida das persoas. Tamén incidiu na problemática e as carencias que deixa o Goberno do PP en sanidade, educación, servizos sociais, vivenda ou proxectos industriais. Mostrouse convencida de que o ciclo de gobernos da dereita chega ao seu fin. “O cambio é imparable. Nótoo na cara dás persoas que nos atopamos pola rúa. A onda de simpatía cara o Bloque e cara a candidatura de Ana Pontón non fai máis que medrar”, concluíu.

Ao remate do acto, e ata o comezo do debate en TVE, houbo animación musical e uns petiscos na planta baixa do mercado municipal, onde colocaron unha pantalla para poder seguir a intervención de Ana Pontón na televisión pública estatal a partir das 22.00 horas.