20 alegacións e 500 sinaturas contra o proxecto de alta tensión entre Bergantiños e Ordes

2 minutes read

O prazo para presentar alegacións no rexistro da Xunta de Galicia remata este martes, día 18 de xuño. Dende a Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes agardan que a cifra de alegacións sexa aínda maior cando o prazo peche. “Nas últimas semanas a poboación está reaccionando, estase movendo”, explica Leandro del Río, representante de Salvemos a Comarca de Ordes.

Trátase dunha liña “que non ten sentido e supón problemas ambientais moi fortes”, explica Leandro del Río. Con esas vinte alegacións e cincocentas sinaturas acadadas ata o momento a rede de plataformas espera dar o primeiro paso para poñerlle fin ao proxecto da liña de alta tensión que evacuaría a produción de enerxía dos parques eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural na comarca de Bergantiños.

Denuncian “a total opacidade do proxecto e que ningún organismo público nin privado se puxo en contacto coas persoas afectadas para informar, consultar ou valorar a conveniencia de semellante infraestrutura”, o que incumpre a Lei 21/2013 de Avaliación ambiental e a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común.

Tamén denuncian que, segundo o proxecto sectorial, “a liña está totalmente sobredimensionada, pois contempla unha capacidade moi superior á necesaria para evacuar a enerxía eólica dos tres parques que teoricamente a xustifican”, sosteñen nun comunicado.

“Os efectos desta liña sobre o medio ambiente, sobre a paisaxe rural, sobre o patrimonio cultural, sobre o benestar da poboación e sobre a economía e o desenvolvemento rural da zona son moi negativos, tendo en conta ademais que esta LAT transcorrería practicamente paralela á xa existente LAT 220KV Vimianzo-Mesón do Vento. É dicir, que estamos ante un proxecto que é totalmente contrario á Lei 10/1995 de Ordenación do Territorio de Galicia e contrario á normativa de liñas aéreas de alta tensión, que obrigaría ao desdobramento da LAT xa existente en lugar de construír esta nova”.