21 propostas para pasar un verán ao grande no concello da Laracha

Actividades verano Laracha

  • Entre as actividades destacan un campamento de verán, campus deportivos, espectáculos e obradoiros de música

O Concello da Laracha presentou un completo programa de actividades de verán que se desenvolverán durante os meses de xullo, agosto e setembro. En total haberá 21 propostas culturais, deportivas, lúdicas e recreativas especialmente dirixidas ao público infantil e xuvenil, permitindo tamén en determinados casos a participación de persoas adultas. Este programa ten un dobre obxectivo: ofrecer opcións para o aproveitamento do tempo libre e facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar durante as vacacións de verán nos centros escolares.

O prazo para anotarse abriu o 22 de xuño, as inscricións poderán formalizarse acudindo ao Concello ou cubrindo un formulario que se habilitará na web municipal. As prazas son limitadas e terán preferencia os empadroados na Laracha.

Campamento de verán. Esta actividade realizarase en horario de mañá no pavillón municipal da Laracha e en dúas quendas, dividindo aos participantes por grupos de idade. A primeira será do 12 ao 16 de xullo e a segunda do 19 ao 23 de xullo.

Campus deportivos. Este ano recuperaranse os dous campus que se viñan celebrando no concello nos últimos anos. O de fútbol realizarase no campo municipal da Laracha e no da Porta Santa de Paiosaco, do 5 ao 9 de xullo. O de baloncesto tamén terá lugar no pavillón municipal, e será do 26 ao 30 de xullo.

Máis actividades para o público infantil. A rapazada poderá desfrutar do circuíto de karts a pedais que se habilitará no campo da feira de Paiosaco o 10 de agosto, así como do cursillo de iniciación ao surf que se realizará na praia de Caión o 24 de agosto. Ademais, haberá saídas para gozar de xornadas lúdicas de humor amarelo (A Coruña, 14 de xullo), multiaventura (Naturmaz en Mazaricos, 27 de xullo), inchable acuático (praia de Gandarío, 3 de agosto), paintball (Cacheiras de Teo, 18 de agosto) e visita ao museo etnolúdico de Ponteceso (20 de agosto).

Actividades para público xuvenil e adulto. Os máis maiores tamén poderán gozar de varias propostas lúdicas e deportivas como unha xornada multiaventura en Naturmaz de Mazaricos (15 de xullo), barranquismo no pontevedrés río Almofrei (5 de agosto), kaiak e paddle surf en Gandarío (12 de agosto), humor amarelo na Coruña (17 de agosto) e iniciación ao surf na praia de Caión (26 de agosto).

Música e espectáculos. O venres 10 de setembro na Laracha realizarase unha xornada de Cultura Urbana con obradoiros de beatbox, breakdance e freestyle football, que concluirá co espectáculo Ópera Break´s. O programa tamén inclúe cine ao aire libre na praza Eduardo Vila Fano de Caión con Maimiño e o espello máxico o 16 de xullo e Maléfica, maestra del mal o 5 de agosto.
Ademais, haberá espectáculos de rúa coincidindo con tres das principais festas do verán. O 19 de xullo (Festas do Carme) Caión acollerá Acuario, de Teatro Ghazafelhos. Para o 15 de agosto (Festas da Laracha) está programado o show de acrobacia aérea e ópera cantada Ikigai, a cargo de SU.MA. Por último, o día dos Milagres (8 de setembro) actuará en Caión Muu co espectáculo circense Crunch!

Na organización deste programa colaboran o Concello da Laracha e a Deputación da Coruña. A realización de todas actividades e eventos estará, en todo caso, suxeita ás medidas sanitarias.