22 de xullo: primeiro asalto pola investidura

2 minutes read

O luns 22 de xullo terá lugar o debate de investidura do candidato do PSOE, Pedro Sánchez. Ao día seguinte, o 23 producirase a primeira votación. Segundo informou a Presidenta do Congreso, Meritxell Batet, o pleno de investidura dará comezo ás 12 h, coa intervención do candidato. Continuará ás 16 h coa intervención dos diferentes grupos parlamentarios, para concluír ao día seguinte, coa primeira votación.

De non conseguir 176 si (que son os que marcan a fronteira da maioría absoluta no Congreso), neste primeiro intento, quedaría unha segunda tentativa ó segundo asalto, continuando co símil pugilístico, 48 horas despois, no día do Apóstolo Santiago, o 25 de xullo, onde bastaría a maioría simple, máis si que non. A data elixida tivo en conta, tanto a posible repetición electoral como a posibilidade de dar máis tempo ao candidato para falar cos diferentes grupos parlamentarios.

Por outra banda, sinalou tamén a presidenta do Congreso, que, a pesar de non constituírse aínda, nin a Deputación Permanente, nin as Comisións da Cámara baixa, xa se están admitindo a trámite iniciativas parlamentarias, co cal, o control ao goberno, comezou.

O Presidente do goberno en funcións, Pedro Sánchez, fixo fincapé a través da súa conta en twitter da necesidade urxente de ter un goberno, canto antes, en aras de “seguir avanzando cara á igualdade, a transición ecolóxica xusta, a dixitalización e o fortalecemento do proxecto europeo”.

En caso de non prosperar a investidura, a data do domingo 10 de novembro podería ser a elixida para unha probable repetición de eleccións. O previsto é que non frutifique a primeira tentativa, co que as esperanzas socialistas quedarían supeditadas ao que sucedese na votación do 25 de xullo, onde as contas sairían, neste caso, con maioría simple.

Con todo, no suposto de volver fracasar, xa estariamos ante un terceiro asalto e no contexto de que nin Sánchez, nin ningún outro candidato obteña os apoios suficientes antes do 23 de setembro, tería lugar a disolución das Cortes e a publicación no BOE doutro real decreto de convocatoria electoral, que entraría en vigor o 24 de setembro.

Poderiamos dicir que o árbitro do cuadrilátero, declararía combate nulo. Como consecuencia disto, o 25 de setembro empezaría a conta atrás de 47 días, que han de pasar obrigatoriamente antes de marcar no calendario a nova cita electoral. Aplicando as matemáticas parlamentarias, o 10 de novembro aparecería marcado en vermello no calendario político español.

Asdo: ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO.