Este sábado 22 de outubro foi día de festa na parroquia de Bértoa. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, inaugurou oficialmente o centro social, que vén dar resposta a unha das primeiras demandas do consello parroquial. A xornada incluíu numerosas actividades organizadas pola asociación As Landras en colaboración con outras entidades da parroquia e do Concello, entre elas un xantar popular.
E como cando vén unha nunca vén soa:
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou este sábado, xunto a unha numerosa cantidade de autoridades entre as que se encontraba a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, na inauguración do parador de Costa da Morte, onde se destacou a calidade da oferta turística da comunidade, e se sinalou que esta edificación é un símbolo da imaxe e a promoción de Galicia.
“Hoxe cúmprese un soño. Hai 20 anos do desastre do Prestige e, froito daquilo, naceu este proxecto”, explicou a ministra, que lembrou como, tras o afundimento do petroleiro en novembro de 2002 fronte ás costas de Muxía, se expuxo esta iniciativa para fomentar o desenvolvemento da zona, afectada ambiental e economicamente pola vertedura.
A directora de turismo de Galicia tamén incidiu na importancia do proxecto Solpor, mediante o cal se trata de promocionar a Costa da Morte mediante unha nova interpretación, articulando nel todos os recursos que vinculan ese territorio co legado histórico-cultural do sol.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Muxía, Iago Toba, tamén cualificaron o día como moi importante para a comarca, pero ademais fixeron fincapé na colaboración institucional para facer realidade este proxecto.
