- Do 29 de xullo ao 2 de agosto participarán en obradoiros e intervencións lúdicas de transformación de diferentes espazos da vila
O Concello de Malpica convida a todos os nenos a que idealicen o seu concello a través do proxecto “A vila do mañá”, unha iniciativa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e Post Arquitectos.
O obxectivo do obradoiro, que vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 15 anos de idade, é incluír á infancia nos procesos de construción do espazo común, partindo da cidade coma unha ferramenta educadora sobre a cal a cidadanía ten dereito ao seu desfrute e á súa transformación.
A través de obradoiros infantís e xuvenís, así como xogos e intervencións lúdicas, traballarán a percepción de Malpica e a valoración que fan os nenos e nenas do lugar no que viven, partindo de distintos conceptos arquitectónicos (plano horizontal, o ceo, os elementos bidimensionais e tridimensionais, a proporción…) para que presenten a súa propia proposta de cidade.
A actividade desenvolverase do 29 de xullo ao 2 de agosto en dúas quendas:
• De 10.30 a 13.30 horas, para nenos e nenas de 3 a 12 anos (30 prazas)
• De 16.00 a 20.00 horas, para nenos e nenas de 8 a 15 anos (45 prazas)
Inscricións: No Departamento de Educación e Cultura, sito no Centro Cívico do Concello de Malpica. Avda. Ventorrillo s/n T. 981 707 104. En horario de 9.30 h. a 13.30 h. do 15 ao 26 de xullo.