23 centros escolares participarán na terceira edición de ‘Come Local’


A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, promove por terceiro ano consecutivo a campaña Come Local, centrada na promoción do consumo de produto galego de calidade certificada e de proximidade entre o alumnado da comunidade. Nesta ocasión está previsto que participen na iniciativa un total de 23 centros escolares de toda Galicia, acadando arredor de 3.380 usuarios de comedor.

Esta campaña enmárcase na rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada polo Goberno galego ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do sector primario atopaban saída nas principais cadeas de distribución. Esta ano márcase o obxectivo de ampliar a rede de comedores escolares que introducen produtos con certificado de calidade (Denominación de Orixe Protexida, Indicación Xeográfica Protexida e produtos ecolóxicos) nos menús dos cativos. A campaña arranca agora e prolongarase ata o remate do curso 2021-2022.

Non só de trata de degustacións de menús especiais, senón que tamén se desenvolverán actividades formativas tanto sobre as características nutricionais dos propios produtos como sobre o impacto que supón o consumo de produtos certificados e de proximidade na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU.