Dous novos casos positivos por covid-19 que foron detectados no concello de Barbadás (Ourense) obrigou a poñer en corentena a 23 persoas. Os dous mozos con covid-19, que chegaron procedentes do País Vasco, atópanse en «illamento domiciliario e con sintomatoloxía leve», confirmaron fontes sanitarias.
Estas persoas foron identificadas por persoal do Servizo Galego de Saúde por manter contacto directo cos afectados, polo que as autoridade sanitaria xa puxo en marcha o protocolo de seguimento destas persoas. Fontes hospitalarias indicaron que está previsto que «ao longo da tarde» un equipo de profesionais proceda á realización das probas correspondentes para pescudar se hai outros casos positivos.
Estes dous novos casos elevan a cinco as persoas que se atopan en seguimento domiciliario por coronavirus na provincia de Ourense. A maiores, unha sexta persoa permanece ingresada no Hospital Universitario de Ourense.