Aberto o prazo de inscrición para o curso de Monitor de Fútbol Base en Ponteceso

CEDIDA

  • A actividade desenvolverase no IES Eduardo Pondal, a partir do 5 de agosto

A Escola Galega de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol vén de anunciar a posta en marcha do “Curso de Monitor de Fútbol Base”, que se celebrará no IES Eduardo Pondal de Ponteceso durante os meses de agosto e setembro en horario de 20:00 a 23:00 horas.

O obxectivo desta actividade é dotar ós adestradores das mellores ferramentas para poder exercer a súa labor formativa nas competicións organizadas pola federación. Así, os alumnos que finalicen o curso posuirán coñecementos xerais actualizados de fútbol base e estarán acreditados para adestrar equipos federados ata a categoría que indique o regulamento xeral da RFGF. Ademais, dito diploma posibilitará a obtención do título federativo de “Monitor de Fútbol Base”, avalado pola Escola Nacional de Adestradores da RFEF.

Este curso está, que está organizado pola Escola Galega de Adestradores da RFGF e a Real Federación Española de Fútbol en colaboración co Concello de Ponteceso e o Puenteceso SD, ten un plan formativo no cal se incluirán 20 sesións presenciais nas que se impartirán áreas comúns e específicas. As primeiras, abordarán módulos transversais de carácter científico e técnico en xeral, que serán coincidentes e obrigatorios para todas as modalidades e especialidades deportivas, mentres que as segundas proporcionarán formación propia do fútbol base.

A presentación desta nova acción formativa tivo lugar este xoves na Casa do Concello nun acto ao que asistiron o vicepresidente da FGF, Juan Villamisar; o director da Escola Galega de Adestradores, Iván Cancela; a vogal da FGF na Costa, Silvia Cancela; o delegado da federación na Costa, Manuel Corredoira; o presidente do Puenteceso SD, Álvaro Domínguez; o secretario do Puenteceso SD, Alberto Recarey; o primeiro Tenente Alcalde, Miguel Ángel González e a concelleira de Deporte, Raquel Fondo.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición desde hoxe 19 e ata o 5 de agosto, día no que dará comezo a actividade. Tanto as solicitudes como o abono das taxas e a documentación requirida na convocatoria deberán presentarse online a través deste enlace www.futgal.es.