24 casas de turismo rural da Coruña desenvolverán o Outono Gastronómico

1 minutes read

Un total de 86 establecementos en toda Galicia, 24 deles na provincia da Coruña, participan nunha nova edición do programa Outono Gastronómico en Turismo Rural, que pon en marcha a Consellería de Cultura e Turismo. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, achegouse ata a Dársena da capital provincial na que se instalou o autobús itinerante que promociona a edición 2019 deste programa, que se desenvolverá entre o entre o 13 de setembro e o 15 de decembro.

Ademais de aloxamento, os establecementos que participarán nesta actividade ofrecerán diferentes menús especiais para este programa, elaborados con produtos galegos de temporada. Ademais, como novidade este ano, inclúese a posibilidade de realizar, no seu caso, actividades complementarias á estancia como paseos a cabalo, rutas de sendeirismo, visitas ao Pórtico da Gloria, ou iniciación ao surf, grazas á nova oferta Outono Plus.

Entre as diferentes modalidades que ofertarán para gozar desta actividade en parella, en familia ou con amigos figura o Menú Outono Gastronómico –sen pasar a noite–, o Paquete Outono Gastronómico para unha noite, o Fin de Semana Outono Gastronómico para dúas noites ou Fin de semana familiar Outono Gastronómico para dúas noites con nenos, con prezos que varían entre os 30 e os 300 euros.