24 proxectos de I+D+i aspiran ás axudas do programa Conecta Covid

1 minutes read
Xel desinfectante_PIXABAY

A Axencia Galega de Innovación (Gain), recibiu solicitudes para financiar 24 proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados a facer fronte á pandemia da covid-19 no marco da convocatoria do programa de axudas Conecta Covid. Así, 21 destas iniciativas están relacionadas coa investigación industrial e desenvolvemento experimental relacionado coa covid-19, mentres que as 3 restantes enmárcanse no eido da innovación en produto vinculada tamén a pandemia.
Nos 24 proxectos están implicadas 45 empresas galegas –das cales 40 son pemes e as outras 5 grandes empresas tractoras– e 10 organismos de investigación, e todos eles están orientados ao mercado e á mellora da competitividade das empresas galegas, contribuíndo ao mesmo tempo ao impulso da transición dixital do tecido empresarial galego –especialmente das pemes–, e polo tanto á recuperación económica de Galicia.

Entre as solicitudes presentadas ao Conecta Covid destacan, entre outros, sistemas de desinfección intelixente, aplicacións dixitais e de Intelixencia Artificial no diagnóstico e proxectos de desenvolvemento experimental para evitar a propagación do virus.
Neste sentido, todos están aliñados cos obxectivos dos Hubs galegos de innovación dixital, Dihgigal e Datalife, ambos axentes colaboradores na convocatoria e desenvolvemento do programa de axudas que fomenta tamén a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.