25 persoas foron detidas nas provincias da Coruña e Pontevedra e comisadas diversas drogas por valor duns 60.000 euros nunha operación que permitiu desarticular unha rede de distribución de cocaína e heroína en Santiago de Compostela.
Segundo a policía, 13 dos detidos foron ingresados en prisión como parte da operación Varrido, dirixida polo Xulgado de instrución 1 de Santiago de Compostela, en que se desmantelaron 14 puntos de venda de drogas na capital galega.
As drogas comisadas inclúen 400 gramos de cocaína, 300 gramos de heroína, 100 gramos de marihuana, 75 gramos de haxix e 150 pastillas de metadona, ademais de 700 gramos de substancia de corte, tres envasadoras sen carga e dezaoito básculas de precisión.
As detencións producíronse en Santiago de Compostela, Bastavales (Brión), Mos, Salceda de Caselas e o Porriño, e os puntos de venda estaban situados nas zonas compostelás de San Roque, o Ensanche, Fontiñas, Conxo, Cruz de San Pedro, Belvís, San Caetano, Pelamios e o centro histórico da capital galega, segundo a policía.