25-N en Brión: Un obradoiro de educación emocional e sexual para familias con menores

1 minutes read

Un total de 20 veciñas e 1 veciño de Brión participaron na tarde do luns nun obradoiro sobre educación emocional e sexual para familias con nenos e nenas menores de doce anos ao seu cargo. Un taller impartido por Penélope Alonso, psicóloga e sexóloga do centro Quérote+, co que o Concello de Brión abriu a súa programación especial do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

Aínda que inicialmente se convocaran 25 prazas para este obradoiro, o gran interese amosado pola veciñanza fixo que o Concello de Brión decidira facer un segundo taller, para así cubrir o medio cento de solicitudes presentadas. Ao facer este segundo obradoiro, optouse tamén por enfocar cada un deles a unha franxa de idade determinada: menores de 12 anos no celebrado onte e mozos e mozas de entre 13 e 18 anos para o vindeiro luns 21 de novembro, de 17:00 a 18:30 horas, no centro social polivalente.

A concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Rosa Romero, explica que “este ano imos ter tres tipos de proxectos diferentes. Por unha banda, estes obradoiros sobre educación emocional e sexual. En segundo lugar están as actividades propias da semana do 25N: cun obradoiro de biodanza, a concentración contra a violencia de xénero e unha andaina a prol do bo trato. E finalmente, temos o proxecto Mulleres fronte a emerxencia climática, que terá lugar ata o vindeiro mes de marzo e no que trataremos de crear un espazo onde as mulleres poidan compartir saberes e formas de facer que levan practicando toda a súa vida nas súas hortas, casas, comunidades… así como poñer en valor a influencia positiva que estas prácticas tiveron e teñen na súa contorna”